4 técnicas creativas que che axudarán a emprender

4 técnicas creativas que che axudarán a emprender

Levar adiante un proxecto emprendedor é un reto que esixe, en moitas ocasións, unha gran capacidade creativa. Aínda que a creatividade estea moi relacionada con aqueles ámbitos artísticos, como a pintura ou a música, o certo é que é unha capacidade que compartimos todos os seres humanos, e que utilizamos diariamente para facer fronte a retos e problemas que se interpoñen no noso camiño.

Ser creativo non é un don nin un talento, senón unha facultade que podemos adestrar e mellorar mediante distintas técnicas. Sabías que aquelas empresas que fomentan procesos creativos superan á súa competencia no crecemento de ingresos, cota de mercado e liderado competitivo? Se queres saber como converter a túa creatividade nun activo para a túa idea de negocio, non te perdas estas catro técnicas creativas que seleccionamos para ti. 😉

1- A caixa das ideas

Fritz Zwick, un astrónomo norteamericano creou en 1969 este método analítico-combinatorio para facilitar a resolución de problemas mediante a análise das partes que o compoñen, para logo realizar de maneira aleatoria múltiples combinacións.

Esta caixa das ideas está dividida en tres etapas: a primeira, a análise, onde se valoran os atributos que compoñen o problema e as distintas variantes de cada atributo; a segunda, a combinación ao azar deses atributos, e por último, a procura morfolóxica, onde se analiza a viabilidade de cada combinación resultante.

Para poñercho máis fácil, poñamos un exemplo. Imaxina que queres crear un novo tipo de bebida refrescante que revolucionará o mercado. Con todo, as ideas están case todas esgotadas e necesitas buscar unha saída innovadora. Esta é a maneira na que aplicarías esta técnica:

As combinacións das variables dos atributos son diversas, e ti encargarasche de valorar cal delas é a máis viable. Un tetra brick sabor limón de 2 litros pensado para deportistas… por que non?

2- A sinéctica

Pasamos a un plano psicolóxico con esta metodoloxía ideada por William J. J. Gordon, un inventor que reuniu unha ampla variedade de patentes de servizos e produtos ao longo da súa vida, por exemplo, a da neve artificial.

Gordon postulou que, aínda que a solución dun problema sexa racional, o proceso de pensamento para chegar a esa solución, non sempre o é.

As sesións de sinéctica poden durar ata tres horas. No proceso, o suxeito debe volver o estraño coñecido, para posteriormente volver o coñecido estraño. Isto conséguese a través de catro tipos de analoxía:

  • Analoxía persoal. Nela identifícasche co obxecto en discusión. Por exemplo: se fose un sofá, que sentiría?
  • Analoxía directa. Esta analoxía trata de comparar o obxecto en discusión con realidades que se lle asemellan. Por exemplo: se se deseña un obxecto voador, estudar como voa un ave.
  • Analoxía simbólica. Trátase de describir a idea a través de imaxes obxectivas. Por exemplo, se o problema en cuestión fose un libro, que título tería?
  • Analoxía fantástica. Esta analoxía deixa de lado o sentido común e céntrase na nosa capacidade de fantasía, traducíndoa posteriormente en opcións realizables. Responde á pregunta “como desexariamos que isto funcionase?”

Este proceso permítenos romper co convencional, saíndonos dunha zona común para mergullar noutros ámbitos de pensamento que achegan unha nova perspectiva ao problema.

3- Seis chapeus para pensar

Seis chapeus de seis cores que representan seis diferentes tipos de pensamento. Edward De Bono creou este famoso método utilizado hoxe en día en diversas áreas do coñecemento e potenciada por empresas de todos os ámbitos.

Para entender en que consiste esta técnica creativa, debemos coñecer de preto eses seis chapeus para pensar, os cales, como comentabamos, presentan distintas cores:

  • Blanco: neutral, encárgase da información.
  • Vermello: sentimentos, emocións, intuicións.
  • Negro: negativo, sinala o que está mal.
  • Amarelo: positivo, construtivo.
  • Verde: creativo, busca alternativas e ofrece novas ideas.
  • Azul: mediador, elixe os temas e define os problemas.

Esta metodoloxía leva a cabo, normalmente, en equipo. Hai dúas maneiras de desenvolvelo: por unha banda, outorgando un chapeu de cada categoría aos membros do equipo durante un determinado tempo, facendo rotación; por outro, deixar que os membros do equipo poñan o chapeu que desexen cada vez que queiran expresar unha idea.

4- Brainstorming

Non podiamos pechar esta lista sen mencionar un dos métodos máis coñecidos no ámbito da creatividade: o brainstorming, ou choiva de ideas. Aínda que esa palabra converteuse nun concepto amplo utilizado para describir a procura de ideas, non deixa de ser un técnica coa súa metodoloxía e rutinas específicas.

Para realizar un brainstorming é necesario que se reúna un equipo disposto a crear un ambiente libre de xuízo e crítica. De feito, hai unha serie de condicións que se teñen que cumprir, sendo esta a máis importante.

Ademais da prohibición de xuízos durante a sesión de brainstorming, o grupo debe deixar que as ideas acudan á mente de maneira libre, escoitar sempre as dos demais e deixar que se acumulen a maior cantidade de ideas posibles para así chegar a unha que destaque pola súa calidade.

A primeira fase dun brainstorming consiste na comprensión do problema por parte de todo o grupo. Despois, vén a fase produtiva onde se poden utilizar unha serie de subrutinas que favorezan a creatividade. Xa por último, chega o descubrimento de solucións, examinando que propostas destacan e fixando criterios específicos para a selección da idea final.

Esperamos que estas catro técnicas póidan axudarche a atopar novas solucións e ideas no teu proxecto. Se es emprendedor, segue atento ás nosas próximas publicacións!