O equipo de Root&Fish: «A agricultura galega precisa adaptar novas tecnoloxías e prácticas»

O equipo de Root&Fish: «A agricultura galega precisa adaptar novas tecnoloxías e prácticas»

Cristina Balagones Domínguez, Silvia Calaza Mosquera e Gregorio Rivadeneira Torres forman un equipo de mozos emprendedores que viron na sustentabilidade unha saída para revitalizar a agricultura galega. Xuntos crearon o proxecto Root&Fish, gañador do 4º certame do noso concurso de proxectos empresariais. Son un claro exemplo sobre como a perseveranza e as ganas de aprender dan os seus froitos.  Falamos con eles sobre a súa experiencia como concursantes e a acuaponía, unha técnica pouco coñecida e ao alcance de todos.

Sodes os gañadores do cuarto certame do concurso de proxectos empresariais A Semente co proxecto Root&Fish. Como resumiriades a experiencia?

A nosa experiencia foi un caso especial, pois esa era a segunda vez que nos presentáramos ó concurso. O anterior ano tentarámolo, pero fomos conscientes de que a nosa proposta non estivo ó nivel das outras candidaturas, polo que tomamos boa nota das nosas carencias e presentámonos de novo. Sabíamos que ía ser difícil, posto que o xurado xa nos escoitara, coñecía o proxecto e ao equipo, entonces tiñamos que defendelo dun xeito novidoso e con máis forza; así que nos presentamos os tres integrantes do equipo Root&Fish, montamos in situ o noso produto e expuxemos o noso proxecto con toda a paixón pois non ía haber unha terceira oportunidade! O resultado foi toda unha sorpresa para nós, pois competíamos con proxectos moi interesantes, e estamos moi agradecidos a todas as persoas que apoiaron a nosa candidatura.

Qué consellos lle daríades a unha persoa que ten pensado presentarse ao concurso?

Non nos sentimos quen para dar consellos, pero podemos asegurar que a nós funcionounos a tenacidade e as ganas de comunicar que Root&Fish é un proxecto polo que paga a pena apostar. Presentar o teu traballo a un concurso e conseguir que o xurado vote pola túa proposta non é nada fácil. Se non se gaña, hai que ter presente que non significa que non sexa bo, quere dicir que é necesario analizar os puntos a mellorar (comunicación, contido do discurso, capacidade de resposta ás preguntas…) e traballar sobre iso para conseguir un mellor produto.

A agricultura en Galicia está caracterizada polo minifundismo pouco tecnificado. Creedes que esta segue sendo a realidade do rural galego ou hai indicios de cambio?

Consideramos que aínda hai moito camiño por andar pero definitivamente vense moitos cambios. Quizais nuns ámbitos máis que noutros, por exemplo a viticultura galega está moito máis avanzada que outros casos. Nós cremos firmemente que o problema está en que o custe da tecnoloxía é dificilmente asumible para empresas de pequena escala, que é o que caracteriza o minifundismo, de aí que o cambio se produza tan lento en comparación coas grandes industrias. Neste sentido, aproveitamos para reivindicar un maior apoio por parte dos organismos públicos para axudar ás empresas do sector primario no rural galego, definindo medidas que vaian máis aló da convocatoria de axudas económicas.

A acuaponía é un sistema pouco coñecido a nivel doméstico. Como o describiriades a unha persoa que nunca oíu falar del? É viable levarlo a cabo en espazos reducidos?

A acuaponía é unha técnica basada nun sistema de aproveitamento onde participan dous seres vivos (peixes e plantas) e un elemento condutor (a auga). Por unha parte, temos unha serie de peixes, que depositan os seus residuos na auga coa que se nutren as plantas cultivadas; e, por outra banda, atópanse estas plantas, que aproveitan estes residuos devolvendo a auga limpa ó lugar onde se atopan os peixes mediante un circuíto pechado. Así é que non é necesario dispor de grandes superficies, pois en función da produción que se queira recoller adaptarase o tamaño da infraestrutura. De feito, un dos produtos de Root&Fish é un sistema deseñado para uso doméstico que ten as medidas dun acuario estándar.

Silvia, estás cursando un grao en Inxeñería Agrícola e Agroalimentaria. Cando decides emprender e por que?

A decisión de emprender veu a raíz de coñecer ós outros dous membros do equipo, Cristina Balagones e Gregorio Rivadeneira, na aceleradora de proxectos “Yuzz, jóvenes con ideas”. Aquí fomos dándolle forma á idea inicial e decidimos continuar traballando para comezar a dar os primeiros pasos cun proxecto con gran potencial no ámbito do desenvolvemento sostible. O feito de estar cursando Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria débese, en gran medida, á necesidade de escalar o proxecto a nivel industrial.

Root and Fish é unha empresa moi nova nun sector con potencial en Galicia. Que levades aprendido en termos empresariais levando a cabo un proxecto no ámbito agropecuario?

Aínda nos queda moito que aprender, pero vemos que en iniciativas como A Semente hai interese porque se traballen novas prácticas neste sector, e que non están todos os focos postos en proxectos de tecnoloxía pura. A agricultura galega ten moito que ofrecer e precisa adaptar novas tecnoloxías e prácticas para non só sobrevivir, senón continuar medrando.

 

Inscríbete no concurso