Guía para participar en “A Semente”: fase de selección

Guía para participar en A Semente

Guía para participar en “A Semente”: fase de selección

Se te atopas na primeira fase do concurso, terás que entregarnos cinco puntos esenciais para que poidamos seleccionar a túa idea entre todas as candidatas. A continuación facemos un repaso por todas elas para que che resulte máis fácil redactalas. Antes de facelo, non te esquezas de ler moi ben todas as bases do concurso!

Título do proxecto

Neste apartado terás que resumir de que trata a túa iniciativa nun máximo de 20 palabras. Se che custa moito sintetizar, quizais non teñas moi claro cal é a idea principal do teu proxecto. Se iso pasa, non te preocupes: xa tes detectado o fallo, agora só tes que reconducir o teu plan a un novo porto.
Non esquezas que a lectura do título será a nosa primeira toma de contacto coa túa idea, así que trata de ser o máis conciso posible. Desta maneira, todos os puntos estarán unidos por unha coherencia que fará do teu proxecto unha aposta máis segura.

Descrición xeral da idea

Non te vaias polas ramas, só tes dispoñibles 300 palabras para describir de que trata a túa iniciativa. Poden parecer poucas, pero son suficientes para expoñernos os puntos máis importantes.


Este apartado é parecido ao termo empresarial “elevator pitch”, é dicir, un “discurso de ascensor”. Se te atopases cun investidor perfecto para a túa idea nun ascensor e só quedasen un par de minutos para poder explicarlle a túa idea, como a comunicarías da maneira máis eficaz? Esta é a pregunta que tes que facerte no momento de escribir esta sección.

Oportunidade do proxecto

Tes 150 palabras para responder á pregunta “por que debería investir no teu proxecto?” A razón principal debe responder a unha oportunidade de negocio indiscutible, e ti serás o encargado de argumentala.

Neste apartado é necesario ter clara cal é a necesidade que cobre o produto ou servizo a un target (ou público obxectivo) determinado. Deberás coñecer, ademais, cales son as tendencias de mercado e como favorecen o lanzamento da túa idea.

Puntos fortes do proxecto

A ferramenta  DAFO (iniciais de Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) poderá servirche de axuda para a realización deste punto. Elaborando a matriz, terás máis claro cales son os puntos fortes ou fortalezas do teu proxecto. Terás que resumilo en 150 palabras, polo que é conveniente que descartes os puntos menos convincentes e te centres naqueles que máis vaias explotar no lanzamento da túa idea.

Descrición temporal da formulación e implantación do proxecto

Novamente dispoñerás dun máximo de 150 palabras para explicar as fases, prazos e outros compoñentes de tipo temporal a ter en conta para a formulación e implantación do teu proxecto.

Serviuche de axuda este artigo? Non te perdas a guía da segunda fase do concurso. Nela nos achegaremos a termos máis específicos sobre o emprendemento e daremos claves sobre como plasmar a túa idea da mellor maneira. Segue atento ás nosas redes, onde avisaremos de todos os novos contidos publicados no blog. 😉

Inscríbete no concurso