Víctor Rivas de eMonte: «O monte galego está en condicións de dar o salto 2.0»

Miembros de eMonte

Víctor Rivas de eMonte: «O monte galego está en condicións de dar o salto 2.0»

Tras catro edicións do noso concurso de emprendedores, podemos dicir orgullosos que apostamos por ideas innovadoras e cun gran potencial. Víctor Rivas é un claro exemplo diso. O gañador da primeira edición de A Semente é agora CEO da empresa eMonte, un punto de encontro online entre empresas e propietarios de madeira que impulsou a presenza do monte galego na internet.

Tivemos a oportunidade de falar con el sobre emprendemento no rural, o desenvolvemento da súa empresa e a súa experiencia no concurso A Semente. Deixámosvos coa entrevista completa. 🙂

A túa empresa eMonte é un claro exemplo da necesidade de modernizar o comercio en zonas rurais. Está preparado o monte galego para dar o salto 2.0?

O sector forestal en Galicia é un dos motores económicos da nosa terra e un pilar fundamental das zonas rurais. Co éxodo rural e o avellentamento da poboación, o monte galego e as empresas que nel operan incorporaron importantes melloras tecnolóxicas que as dotan de maior competitividade. Pode dicirse que o monte galego está en condicións de dar o salto 2.0, aínda que pola nosa experiencia é certo que en ocasións hai certa desconfianza no mundo dixital.

Dende a túa experiencia persoal, cales crees que son as principais dificultades que pode atoparse un empresario que queira realizar un proxecto nunha contorna rural?

Un dos principais problemas de emprender nunha zona rural é a falta de servizos. Por exemplo non é normal que o acceso á cobertura de teléfono ou Internet sexa tan complicado nalgún lugares. Esta falta de servizos fai que a xente nova acabe abandonando o rural para irse ás cidades, o que xera problemas á hora da contratación de man de obra cualificada, e tamén en moitos casos o abandono das terras. Dende as distintas Administracións creo que sería importante que reforzasen a súa aposta no rural co obxectivo de conseguir unha maior fixación de poboación.

Crees que iniciativas como eMonte poden potenciar as relacións comerciais entre Galicia e outras comunidades autónomas?

Nós en eMonte aportamos o noso grao de area en favorecer os intercambios comerciais entre as distintas Comunidades Autónomas. Por exemplo varias das empresas rexistradas na plataforma teñen o seu domicilio social noutras CCAA e incluso tamén hai algunha empresa procedente do país veciño Portugal. eMonte, como proxecto dixital que é, permite a apertura do mercado a un amplo abano de actores, algo impensable sen o uso das novas tecnoloxías.

En eMonte vístedes a oportunidade para diversificar o voso negocio con plataformas como vendofinca.es ou a app para cubicar madeira. Como fostes capaces de recoñecer esas demandas?

En eMonte caracterizámonos por escoitar aos nosos usuarios. Algún deles poñíase en contacto con nós por teléfono ou correo electrónico para preguntarnos cantas toneladas podía ter a súa finca tan só indicando superficie e tipo de especie. Para tratar de orientalos, decidimos crear eMonte cubicar, unha ferramenta que lle permite estimar o volume de madeira dunha determinada parcela forestal tan só introducindo uns pequenos datos. Noutras ocasión moitos propietarios que contactaban con nós querían vender a madeira máis o propio monte. Na plataforma www.eMonte.es non era posible a súa venda xa que non todas as empresas rematantes compraban o paquete completo polo que decidimos crear www.VendoFinca.es, un espazo que pretende facilitar a compra/venta de fincas rústicas. A acollida de VendoFinca.es foi tan boa, que a diferencia de eMonte que só opera a nivel Galicia, permite a compra/venta de fincas rústicas en calquera punto de España.

Fostes os primeiros gañadores do concurso de proxectos empresariais de “A Semente”. Como describirías a túa experiencia no certame?

Para nós a participación na I edición do Concurso de Proxectos Empresariais de “A Semente” marcou un antes e un despois. Estamos moi agradecidos da confianza recibida para poder materializar o proxecto. A maiores do premio en si, tamén foi un bo espazo para coñecer outros proxectos empresariais en fase incipiente coma o noso e tamén para recibir feedback dos membros do xurado, cunha ampla traxectoria no mundo da empresa.

Moitos novos participantes fixaranse nos antigos gañadores para presentar as súas propostas. Que consellos daríaslles para ter éxito?

O principal consello que lle daría é que loiten ao máximo polo seu soño. O mundo do emprendemento non é nada sinxelo, en moitas ocasións as cousas non saen tan ben como che gustaría. Nestes momentos debes ser teimudo e tes que ser quen de repoñerte para cambiar o devir dos acontecementos. Tamén lle recomendaría que se tes unha idea, non hai que ter medo en compartila. Penso que é positivo pedir consellos á xente do sector e como non tamén a potenciais clientes xa que é o mellor xeito de crear un bo produto ou servizo. Moitas grazas por darnos a oportunidade de participar nesta entrevista e moita sorte a todos os participantes nesta nova edición de Semente.

Inscríbete no concurso